MENÚ

Festival

Xavier Rodríguez Baixeras

A música, incluso a de maior calidade, tampouco nos serve, ai, como vacina. Pero si, como ben saben os psicólogos e outros estudosos do espírito –  vale como curativo de distensión e sosego en caso de confinamento e, sobre todo, como motivo de celebración se, tal como parece que sucede, a pandemia mingua. Moitos terapeutas concordan nas virtudes da música clásica como mitigadora da mágoa e da dor en xeral e dispensadora de sensacións confortantes e tamén – digamos – estimulantes.

Considerando, pois, as persoas –  unhas profesionais, outras moi afeizoadas á arte musical - promotoras  do Festival Bal y Gay,  que tamén neste mes de agosto a música debería acudir ao concello de Foz, onde se deron os primeiros pasos (na parroquia de Nois),  decidiron que era tarefa obrigatoria ofrecer os concertos de todos os agostos, desta vez, inclusive, incrementados e estendidos a outras vilas da Mariña Central, sen que a calidade dos mesmos declinase en absoluto e se mantivese no seu alto nível, que xa está sendo recoñecido.

Esta decisión obedece principalmente á convicción de que un acontecemento cultural destas características non só contribúe  ao deleite dos ouvidos das persoas melómanas, senón tamén á difusión –didáctica – da experiencia musical, de aí o interese por levar esta ao ámbito infantil: é talvez na idade temperá cando a música prende con maior empeño.

Ou o que vén sendo o mesmo: trátase dun acontecemento de evidente relevancia cultural, en virtude do cal aprendemos a escoitar pentagramas para alguns e algunhas  inéditos e a valorar o esforzo e o talento de intérpretes de alta categoría.  Pois a música – a de calidade, insisto – enriquece  acusadamente  o mundo interior de homes e mulleres e é capaz de crear  unha  grata sociabilidade entre as persoas que asisten a escoitala.  Mais se, por riba,  os eventos  se efectúan  en ámbitos especiais, como son  os nosos templos, repletos de historia e e de beleza e donos dunhas propiedades auditivas singulares, ou  nun pazo de tanta distinción como o de Fontao, ou en certos espazos  peculiares, particularmente escolleitos para a ocasión, é lóxico que a experiencia resulte aínda máis gratificante. Só me queda recomendarlles  vivamente a asistencia.