Nos Diario - Festival Bal y Gay: a música clásica procura fanáticas na Mariña

Nos Diario - Festival Bal y Gay: a música clásica procura fanáticas na Mariña

"Que a xente que nunca se achegou á música clásica poida desfrutala tanto como o fago eu". Este é o obxectivo que persegue o Festival Bal y Gay desde o ano 2014, cando o seu fundador, Enrique Rodríguez Baixeras, comeza a organizar unha serie de cursos con grandes clarinetistas como Vicente Alberola, clarinete primeiro da Mahler Chamber Orchestra, na parroquia de Nois, en Foz, na comarca da Mariña. 

Ante a boa acollida da veciñanza desta iniciativa, na terceira edición organizouse un certame clarinetístico onde os tres finalistas tocaron cadansúa interpretación do concerto para clarinete de W.A. Mozart. "O público encheu o local e desfrutou integramente de cada unha das execucións que, en total, durou tres horas", explica en conversa con Nós Diario o fundador do festival.

Deste feito nace a idea de evolucionar o evento para darlle maior oferta de música clásica de calidade á Mariña. "Pouco a pouco fomos ampliando o programa e as artistas convidadas e a xente seguía acollendo os eventos con moi boa actitude", sinala Baixeras. 

Tal é así que durante o pasado ano ampliaron as súas localizacións por diversos concellos da comarca que nesta edición chega até os sete concellos: Foz, Ribadeo, Burela, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá e Cervo. 

Ante a falta de grandes auditorios na comarca e "querendo sacar a música destes lugares para poder darlle outro contexto", o Festival Bal y Gay realízase en espazos emblemáticos como a Basílica de San Martiño (Foz), a Catedral de Mondoñedo ou a Fábrica de Sargadelos (Cervo), mais tamén en prazas de pequenas vilas como Travada. "Son sitios marabillosos para escoitar un concerto", apunta Baixeras. 

Todo este traballo leva á creación da Fundación Xesús Bal y Gay -músico e intelectual lucense que formou parte da denominada Xeración do 27- para poder así realizar outras accións relacionadas coa achega da música clásica á sociedade, como é o programa Schubert no Camiño, levado a cabo a pasada fin de semana, ou diversos cursos socioeducativos desenvoltos nos colexios e institutos da comarca. "A nosa idea é achegar este tipo de música ás meniñas e meniños a través da montaxe dunha ópera co alumnado dos centros. Nós poremos a orquestra e a rapazada as súas voces para os coros e mais farán os seus propios traxes", explica o fundador do festival e tamén presidente da fundación, Enrique Rodríguez Baixeras. 

Grandes artistas internacionais
A oitava edición do festival terá lugar entre os días 18 e 26 de agosto. "Aínda non sacamos as entradas a vender porque estamos pendentes das limitacións de capacidade que teremos que aplicar nos concertos, mais sairán e realizaranse, igual que fixemos o ano pasado", indica Rodríguez Baixeras. 

Nesta ocasión, os e as artistas convidadas son: o cuarteto de corda Seikilos; o pianista Javier Perianes; o guitarrista Pablo Sáinz Villegas; o cuarteto de corda Casals e a Orquestra Sinfónica da Galiza. Ademais, tamén contarán coa voz da cantaora María Toledo, quen interpretará "O amor bruxo", de Manuel de Falla, coa Orquestra de Cámara do propio festival e baixo a batuta de Jaume Santonja. 

Separado un pouco deste estilo máis clásico e querendo ampliar a oferta do seu festival, a organización tamén oferta unha serie de concertos "máis populares pero tamén relacionados coa música clásica". Para esta edición e como concerto "máis de jazz", contan con Puro Gershwin, un proxecto integrado pola cantante Sheila Blanco, o pianista Federico Lechner e o guitarrista veterano Chema Sáiz. 

Alén de todo isto, e xa cun enfoque máis familiar e didáctico, tamén forman parte do programa do festival o grupo de vento metal Hércules Brass e o ensemble vocal Cantoría. 

Ante tal calidade de artistas, Baixeras comenta que está "asustado do que estamos a facer. Traer estas artistas ao festival, e incluso repetindo como é o caso do Cuarteto Casals, é algo que fai moita ilusión, mais asusta".  

Orquestra propia
Para o fundador, o concerto que máis ilusión lle provoca, "aínda que todos son espectaculares", é o que realiza cada ano a Orquestra de Cámara do festival.

"Somos a organización quen chama as mellores rapazas e rapaces músicos que hai nas orquestras clásicas de todo o mundo para que veñan á comarca da Mariña a formar esta agrupación e así poder realizar un concerto especial", sinala Baixeras. Na pasada edición, esta formación "estaba integrada por profesionais de moitas nacionalidades, mais a metade eran de procedencia galega", destaca o presidente da fundación. 

Gloria Montenegro

Compartir esta noticia: