Programa:
L. van Beethoven

  • Cuarteto de corda op. 132
  • Cuarteto de corda op. 135

 

Bío:
Descrito como “Exquisito” polo New York Times e “de son fermoso e técnica impecable” por The Strad, o Cuarteto Quiroga —cuxo nome rende tributo á figura do gran violinista galego Manuel Quiroga— é Premio Nacional de Música 2018, cuarteto residente na Fundación Museo Cerralbo e, durante anos, foi da Colección Palatina de Stradivarius do Palacio Real de Madrid. Considerado unha das agrupacións máis destacadas da nova xeración europea, é internacionalmente recoñecido por crítica e público polas súas interpretacións audaces e renovadoras. Galardoado nos concursos internacionais para cuarteto de corda máis prestixiosos (Bordeus, Paolo Borciani, Xenebra, Pequín, París, etc.), premio Ollo Crítico de RNE e Medalla de Ouro do Palau de Barcelona, o Cuarteto Quiroga é habitual dos escenarios máis importantes do mundo, desde Berlín a Nova York, pasando por Amsterdam, París, Londres, Estocolmo, Roma, Praga, Varsovia, Bogotá, Buenos Aires, Ottawa, Los Ángeles, Washington DC, etc. Entre os seus colaboradores habituais cóntanse músicos da talla de Martha Argerich, Veronika Hagen, Valentin Erben, Jörg Widmann, Jonathan Brown ou Javier Perianes. A súa crecente discografía para Cobra e Harmonia Mundi foi aplaudida e premiada pola crítica internacional e os seus concertos son gravados e retransmitidos polas emisoras de radio máis importantes de Europa e América. Fortemente implicados coa docencia, os seus membros imparten clase no Conservatorio Superior de Música de Aragón, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, Musikene e a Universidade Mozarteum de Salzburgo.


Lugar: Basílica de San Martiño (Foz)


Hora: 20:30